14 nov 2010

Electricidade a partir de casca de arroz

Bihar é un estado do nordeste da India onde viven 85 millóns de persoas, un 85% delas en áreas rurais onde o acceso á enerxía eléctrica é moi deficiente ou directamente inexistente. A base da alimentación en Bihar, como na meirande parte de Asia é o arroz, que se cultiva de xeito extensivo, sendo unha das principais actividades económicas do medio rural e ocupando a gran parte da poboación.

Por inciativa de 4 enxeñeiros (3 indios e 1 estadounidense) con experiencia profesional en diversos ámbitos creouse a compañía Husk Power Systems que ten como obxectivo crear minicentrais eléctricas que empregan como combustible casca ('husk' en inglés) de arroz.

A día de hoxe é un proxecto sostible e é capaz de proporcionar 6 horas de electricidade diarias por un custe medio de 80 rupias (1,20€) fronte ás 4 horas de subministro diario e un custe medio de 125 rupias (2€) que tiñan anteriormente con xeradores de gasóleo e queroseno.

Ademais de facer máis accesible o prezo da electricidade á empobrecida comunidade rural, a descentralización do sistema de xeración permite chegar a núcleos moi espallados ós que nunca chegaría a rede eléctrica porque o coste das liñas non pode ser amortizado en prazos "razoables" para unha compañía eléctrica "convencional".

En xullo de 2009 a Husk Power Systems obtivo $250,000 no Global Business Plan Competition para estudiantes de universidade e escolas de negocios organizado polo xigante da electrónica de telecomunicacións Cisco Systems(*). Actualmente, ano e medio despois, a empresa sigue crecendo e están continuamente contratando xente polo que parece que o proxecto vai para adiante.

As preguntas lóxicas que nos debemos facer é: ¿pode exportarse a experiencia a outros países? ¿que outros subproductos de actividades agrícolas poden usarse para a xeración de enerxía? ¿ata que punto pode interferir na actividade agrícola este tipo de iniciativas?

Comments are welcome!!


Fontes:

(*) Como curiosidade comentarei que nun informe interno de outubro de Cisco Systems poñen de manifesto que a inestabilidade no acceso ás reservas de coltan na República Democrática do Congo pode provocar subidas inesperadas nos costes de fabricación. Outro día prometo falar do tema do coltan, un semiconductor moi preciado na industria electrónica, que non ten nada que envexar ós "diamantes de sangue" de Serra Leona.

5 oct 2010

As IV Xornadas de Enerxías Renovables e ODM están aquí!!

Tras máis dun ano de inactividade no blog, volvemos á acción cunha gran nova: imos organizar as IV Xornadas de Enerxías Renovables e ODM en Vigo.
Terán lugar os días 15, 16 e 17 de decembro en Vigo, no salón de actos da Escola Universitaria de Enxeñería Técnica Industrial (Escola de Peritos).

Nestas xornadas trataremos de situar o contexto enerxético dentro da consecución dos ODM, así como do uso de enerxías renovables nos países do Sur, do Norte e nos proxectos de cooperación.

Tamén se intentará dar unha visión global do panorama enerxético mundial, os desequilibrios que xerá o sistema actual e ós retos ós que nos enfrontamos.


O curso terá unha duración de 20 horas e será convalidable por 1 crédito de libre elección na Universidade de Vigo. Estas 20 horas estarán repartidas en mañá e tarde de mércores e xoves, e unha interesante mañá de venres onde teremos as ponencias de Xosé María Torres, presidente da CGONGD (Coordinadora Galega de ONGs para o Desenvolvemento), de Jose Mª Glez. Vélez, presidente da APPA (Asociación de Productores de Energías Alternativas) e de Pedro Gómez-Romero, autor do libro "Un planeta en busca de energía".

O curso será financiado a través dunha subvención de EpD da Xunta de Galicia así como o prezo das matrículas, que aínda está por decidir pero estará arredor dos 10€ para estudantes e 20€ para público xeral. A todos os asistentes se lles repartirá un diploma acreditativo da asistencia ás xornadas.

Actualización: ollo!!, as datas que estaban previstas para os días 17, 18 e 19 de novembro, foron movidas ós días 15, 16 e 17 de decembro por diversos motivos.