14 nov 2010

Electricidade a partir de casca de arroz

Bihar é un estado do nordeste da India onde viven 85 millóns de persoas, un 85% delas en áreas rurais onde o acceso á enerxía eléctrica é moi deficiente ou directamente inexistente. A base da alimentación en Bihar, como na meirande parte de Asia é o arroz, que se cultiva de xeito extensivo, sendo unha das principais actividades económicas do medio rural e ocupando a gran parte da poboación.

Por inciativa de 4 enxeñeiros (3 indios e 1 estadounidense) con experiencia profesional en diversos ámbitos creouse a compañía Husk Power Systems que ten como obxectivo crear minicentrais eléctricas que empregan como combustible casca ('husk' en inglés) de arroz.

A día de hoxe é un proxecto sostible e é capaz de proporcionar 6 horas de electricidade diarias por un custe medio de 80 rupias (1,20€) fronte ás 4 horas de subministro diario e un custe medio de 125 rupias (2€) que tiñan anteriormente con xeradores de gasóleo e queroseno.

Ademais de facer máis accesible o prezo da electricidade á empobrecida comunidade rural, a descentralización do sistema de xeración permite chegar a núcleos moi espallados ós que nunca chegaría a rede eléctrica porque o coste das liñas non pode ser amortizado en prazos "razoables" para unha compañía eléctrica "convencional".

En xullo de 2009 a Husk Power Systems obtivo $250,000 no Global Business Plan Competition para estudiantes de universidade e escolas de negocios organizado polo xigante da electrónica de telecomunicacións Cisco Systems(*). Actualmente, ano e medio despois, a empresa sigue crecendo e están continuamente contratando xente polo que parece que o proxecto vai para adiante.

As preguntas lóxicas que nos debemos facer é: ¿pode exportarse a experiencia a outros países? ¿que outros subproductos de actividades agrícolas poden usarse para a xeración de enerxía? ¿ata que punto pode interferir na actividade agrícola este tipo de iniciativas?

Comments are welcome!!


Fontes:

(*) Como curiosidade comentarei que nun informe interno de outubro de Cisco Systems poñen de manifesto que a inestabilidade no acceso ás reservas de coltan na República Democrática do Congo pode provocar subidas inesperadas nos costes de fabricación. Outro día prometo falar do tema do coltan, un semiconductor moi preciado na industria electrónica, que non ten nada que envexar ós "diamantes de sangue" de Serra Leona.